xoves, 21 de maio de 2015

Ser coma o vento lixeiro.

"Cos meus cantares consigo
ser coma o vento lixeiro,
ninguén me marca o sendeiro,
ninguén me dicta a canción,
teño limpo o corazón
pra vivir ceibe e senlleiro."
                    C. E. Ferreiro



E xa van dez meses dende que un fortuito e aparatoso accidente nunha circunvalación de Tabriz (Irán) frustrou a nosa viaxe a Mongolia, deixándonos ás portas de Asia Central. Co tempo que a levabamos preparando!.

Non pasa nada, curadas as feridas e renovados os visados, de hoxe nun mes, a metade daquela expedición tentaremos de novo facer a mesma burocráticamente intrincada ruta, que, para quen non o saiba, consistirá en ir de Galicia a Mongolia polo sur (Asia Central) e voltar polo norte (Siberia e o que toque). 


Coma o vento lixeiro, voltamos ó lío burocrático preparatorio, pero xa coa lección aprendida bulimos algo máis rápidos con embaixadas e consulados, pero non vai quedar todo amañado... esperamos ter sorte co de Turkmenistan.
 

Se a decisión de abrir un blog no noso anteior intento foi un pouco condicionada para dar algo máis de eco a algúns dos que colaboraron con nós, esta vez , que imos totalmente por libre, o que nos empuxa a abrir e compartir a nosa viaxe con todas e todos os que vos preste seguirnos, non é máis que continuar o que outros fixeron antes ca nós: compartir co mundo rutas e viaxes onde nos aprendimos e sacamos as gañas para a nosa.

Esta vez non nos marcamos máis obxectivo que, de xeito relaxado, ir disfrutando da viaxe, por iso as etapas que nos marcamos son orientativas, e é ben seguro que pouco caso lle faremos, pero como algo hai que planificar, pois aquí vai un primeiro plan de viaxe que comezará pola ruta sur e voltará pola norte.

Saúdos.